A Nosa Cociña

Cremos na agricultura ecolóxica, na autosuficiencia alimentaria, na economía local, no comercio xusto e nun turismo sostible. Con estes criterios, e buscando sempre a máis alta calidade, ofrecemos menús tradicionais ou vexetarianos creados a partir de materias primas producidas na casa e na zona, e claramente estacionais.

A horta ofrécenos toda a súa variedade estacional e de moitos alimentos que son preservados, ademais dun cereal, o millo, dunha variedade bonita e saborosa: o millo corvo. Coa froita son elaborados zumes e confituras e a abundancia de castañas preservámola do xeito tradicional, secada no sequeiro. As excelentes noces tamén son usadas ​​na nosa repostería, e a afección aos cogomelos e se o tempo ven ao xeito, fornécenos de deliciosa variedade.

Co porco celta, criado ao aire libre, de crecemento lento e carne de extraordinaria calidade, elaboramos embutidos e xamón.

Mercamos, procedente da agricultura ecolóxica, cereais, pasta, legumes, fariña, aceite, azucar de cana e café, estes dous últimos son ademais de Comercio Xusto. A auga é de manancial.

A carne de tenreira, da raza autóctona ou nativa caldelá, procedente dunha gandería ecolóxica local, de Montederramo.

O pan da casa está feito con fariña triga (e, por veces, centea) de cultivo biolóxico, moidas en muíño de pedra. O farelo é extraído parcialmente. Amasamos con lévedo (masa nai), sal, e auga de fonte. Está cocido en forno de leña tradicional.

O viño tinto da casa, de elaboración propia, vén de uvas cultivadas con manexo ecolóxico dende 2003, das variedades Mencía, Brancellao, Garnacha e Xerez.

Os queixos: o de vaca venn dunha gandería ecolóxica en Palas de Rei (Lugo), Cremoso e "da nabiza" da D.O. Arzúa-Ulloa: http://www.arqueixal.com. o de cabra Touzavella, aínda que non sexa ecolóxico, apostamos por él, ao se tratar dun produto local, artesán e de alta calidade http://www.touzavella.com/; e de cabra ecolóxico, traémolo de León, http://quesoslapresa.com/, de pasta branda ou curado.

 

© Dereitos de autor reitoral DE Chandrexa - Web Design Internet 2.0